top of page

 

Aquí pódense consultar os resultados provisionais do cartografado en curso da Galiza medieval. Combínase a información do período medieval, relativa á organización civil do territorio, coa reconstrución da rede eclesiástica de época moderna. 

Algunhas claves para entender o mapa

​

O mapa base predefinido é o topográfico actual (a través de ESRI), sobre o que se superpón unha reconstrución da organización eclesiástica de época moderna. As fontes de época medieval dificultan obter un mapa exacto dos límites de cada unha das dioceses, polo que se opta por recorrer ás de épocas posteriores para crear esta base de referencia. A maior estabilidade da organización eclesiástica, así como as súas orixes na tardoantigüidade e alta Idade Media, xustifican que se opte por esta como base no canto doutras opcións como as catro provincias actuais.

​

Cada un dos puntos representados leva asociada a seguinte información:

  • data: data do documento segundo figura na edición manexada;

  • entidade_o: nome da entidade tal e como figura no documento;

  • entidade_n: nome da entidade normalizado, en galego;

  • top_antigo: nome do lugar tal e como figura no documento;

  • top_actual, concello, provincia: nome do lugar normalizado. Tómase como referencia para identificar lugar, parroquia, concello e provincia o Nomenclátor oficial da Xunta de Galicia: https://www.xunta.gal/nomenclator;

  • concello;

  • provincia: para a provincia utilízanse as abreviaturas AC (A Coruña), LU (Lugo), OU (Ourense), PO (Pontevedra):

  • fragmento: fragmento do documento no que figura a mención a lugar e entidade territorial;

  • edición: referencia abreviada á edición na que se consulta o documento. As equivalencias figuran na sección Bibliografía

 

Esta información pódese consultar ao pulsar co cursor sobre o punto. As distintas entidades identificadas teñen continuidade territorial; a repetición de cores non significa que sexa a mesma entidade, senón que se van alternando para que se vexan claramente cada unha delas. Para saber con exactitude de que circunscrición se trata, recoméndase ter visible o menú de navegación por capas, desde o que se poden seleccionar e deseleccionar as capas. 

​

En certas ocasións a información das fontes é contraditoria, asociando un mesmo lugar a distintas entidades; neses casos, aplicóuselle a algunha das capas implicadas unha certa transparencia para que se poidan ver as coincidencias entre puntos pertencentes a distintas entidades. Hai ademais casos de especial complexidade, como pode ser o caso de Búbal e a súa relación con Celanova, para os que se remite á bibliografía existente sobre o tema.

​

No mapa represéntanse indistintamente entidades de dimensións moi diferentes, tanto as grandes circunscricións que estaban en mans da aristocracia próxima o rei, como a Limia ou Lemos, como outras de pequenas dimensións, pertencentes a outras de maior entidade, como Milmanda na propia Limia ou Santa María da Lanzada no Salnés. Para coñecer máis acerca da complexa organización do territorio galego medieval remítese á bibliografía.

​

Para a localización das mencións na documentación de topónimos concretos asociados a entidades territoriais resulta de especial relevancia o Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA), así como o Corpus informatizado Galego-Portugués Antigo (CGPA).

​

​

​

​

bottom of page