top of page

​

Cando hai uns anos comecei a traballar sobre o territorio galego durante a Idade Media e a súa configuración, un dos primeiros problemas que atopei foi o da falta de mapas de consulta nos que se vira reflectida a complexidade de entidades e a gran riqueza toponímica que se percibía na documentación. Outros eran a falta de delimitación das circunscricións ou a escasa xustificación de por que se atribuía a cada unha un espazo e non outro.

​

Mais de seguido comprendín o porqué destas solucións. Non se trataba de falta de interese pola cartografía, tampouco de falta de medios técnicos. O problema ía máis aló, e viña da raíz: as fontes transmiten unha información fragmentada, en moitos casos incompleta, que pode chegar a ser contraditoria en ocasións. Para cada entidade da que coñecemos os seus límites por unha coidada descrición documental hai un número difícil de determinar, dez, quizais quince, das que non temos máis que un par de referencias. Sen esquecer, por suposto, os topónimos que se perderon co paso do tempo e que non se consegue localizar sobre o mapa actual.

​

Así é como as grandes ambicións dos inicios se van modulando e moderando cara empresas igualmente útiles, pero máis realistas e realizables, sen que isto lles reste un ápice de valor. Dun proxecto ideal de cartografado da Galiza medieval, no que as entidades encaixarían á perfección como pezas dun crebacabezas, acabouse derivando na proposta que se inclúe aquí: no canto de polígonos pechados, preséntanse as entidades representadas como nubes de puntos. Este sistema non permite coñecer con exactitude a extensión de cada circunscrición, pero si coñecer o espazo que ocupaba, as entidades colindantes e incluso facer unha estimación das súas dimensións.

​

Cada un dos puntos representados no mapa correspóndese cunha proposta de identificación dun topónimo que na documentación aparece asociado a un territorium, unha terra, commisso ou comitatus, e todos os puntos asociados a cada unha desas entidades preséntase na mesma capa de información. Ademais, cada capa de información leva asociada unha táboa de atributos cunha información mínima que permita entender a referencia: data, topónimo orixinal e identificación actual e edición na que se consultou o documento.

​

Cómpre mencionar nesta presentación o principal modelo para esta páxina web: o sitio creado polo Dr. Rubén Castro Redondo (profesor axudante doutor de Historia Moderna na Universidad de Cantabria) como acompañamento á súa publicación Cartografía digital de Galicia en 1753. Jurisdicciones, provincias y Reino. Nel o autor facilita o acceso e consulta ao formato dixital da cartografía elaborada a través da información administrativa contida no Catastro de la Ensenada para o Reino de Galicia (1749-1753). Pódese consultar en: https://galiciadigital1753.wixsite.com/proyecto

​

Este proxecto desenvólvese ao abeiro das "Axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral nas universidades do SUG, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego" (convocatoria 2018) financiado pola Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Consellería de Economía, Emprego e Industria (a través de Gain), desfrutada no departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, nos grupos de investigación "GI-1548. HAMED. Historia Medieval: Sociedade e territorio" (ata decembro de 2021) e "GI-2168. SCRIPTA. Escritura, pensamento e sociedade" (desde xaneiro de 2022).

​

​

​

bottom of page